jueves, 11 de agosto de 2011

SORRIR, Sara Barra Vicente, 3º premio 1º ciclo ESO



Se cres que ser extraordinario é xenial, non sabes o equivocado que estás. Cando pensas que non es como os demais e que nunca poderás ser coma eles, é cando de verdade te dás conta de que non é tan guay ser diferente.

Se che digo a verdade, eu era unha rapaza normal que ía ao colexio, tiña os meus amigos e tiña os meus segredos, pero cheguei a decatarme de que non só tiña os meus, podía atinxir tamén todos os segredos da xente. Podía, só con tocala, saber o seu pasado, os seus medos; podía, só con mirala, facer que me dixesen toda a súa verdade, e iso parecíame guay, pero co tempo souben que non era así. Non podía compartir todo aquilo con ninguén, porque poderían sospeitar e, non só debía ocultar os meus propios segredos, tiña que ocultar tamén os do resto do mundo. Temía tocar a alguén por se acaso vía cousas que me puidesen causar dano. Xa non podía abrazar os meus amigos, nin a miña familia, e por moito que o desexase non lles podía dar un bico, e sabía que tampouco lles podía amosar todos os días o moito que os quería.
A primera vez que souben da miña extraordinaria facultade foi hai tempo, cando estaba coa miña anterior mellor amiga:
Estabamos as dúas sentadas sobre un banco, preto da miña casa. Estabamos falando de rapaces, que era, máis ou menos, un dos nosos temas favoritos. Cando eu estaba a falar de Pablo, do ben que estaba con el e de canto nos queriamos, ela fixo unha broma absurda e, mentres ría, agarrei a súa man e comezaron a pasar imaxes polos meus ollos, imaxes que nunca esquecerei, imaxes nas que aparecía Jenny e Pablo bicándose e amosando o agarimo que compartían. Eu parei de rir e marchei. Ela correu tras de min, pero eu fun máis rápida.
Eviteina ata o luns no colexio. Ese mesmo día cortei con Pablo, póndolle fin a todo o que de verdade me importaba. Deixei todo polo que un día loitei, e agora estaba totalmente soa. Non tiña a ninguén máis, pero tanto me tiña, prefería estar soa que coa xente que me facía dano. Sentíame rara, non sabía o que me pasaba. Xa non me concentraba nas clases, estaba perdida pensando no sucedido.
A titora non demorou en chamarme. Eu pensei que me ía rifar por estar nos biosbardos, pero non foi así:
-Creo que sei o que che pasa –dixo ela con xesto comprensivo.
-A que te refires?
-Á causa da túa preocupación.
-Equivócaste, eu non estou preocupada.
-Eu sei polo que estás a pasar –respostou ela.
-E como o sabes?
-Moitos nenos coma ti pasaron por aquí.
-Pensei que sería a única.
-Hai moitos coma ti; ben, completamente iguais non, pero todos posúen ese mesmo don.
-Como o soubeches?
-Porque sei como é isto, e sei que ti es especial; seino dende sempre, e ademais sabíao dende moito antes ca ti. Pero sobre isto falaremos máis adiante.
Hai uns días atopei unha nota ao lado do meu estoxo que, cunha letra moi rara, puña “Sorrir”. Sorprendeume que alguén me deixase unha nota deste tipo, xa que, naquela altura, non lle caía ben a ninguén.
Aos poucos días de recibir aquela nota, chegou un rapaz novo. Era un rapaz especial, e aínda que non o coñecía, sentía que o botara de menos. Foi unha sensación moi estraña. O rapaz, moi seguro de si mesmo, fixo a súa presentación perante a clase, non se lle notaba nada nervioso.
Dixo que viña de Londres e que se chamaba Dann; que lle gustaban as matemáticas e pouco máis. Non puxen moita atención, porque estaba aparvada polo guapo que era. Era perfecto! Tiña o pelo crecho e os ollos verde esmeralda; era alto e co sorriso máis fermoso que vira xamais. Chamoume a atención a súa camisola na que se podía ler: “Sorrir”.
Esta coincidencia deixoume paralizada un intre. O profe deulle a benvida e indicoulle o seu sitio. Eu non sei como, pero tiven a maior sorte do mundo: o lugar que ocupou Dann estaba xusto á miña beira. Miroume e dedicoume un dos seus preciosos sorrisos e eu dediqueille outro. Estabamos na clase de historia e o profe xa levaba tempo explicando cando, de súpeto, escoitei un ruído á miña dereita:
-Chssst, chssst! Volvinme e vin que o rapaz novo, Dann, estábame a chamar.
Mirei para el.
-Como te chamas? –preguntoume murmurando.
-Eu? –dixen, mirando para os lados, comprobando que de verdade mo dicía a min.
-Eu chámome Elisabeth.
-Que nome máis fermoso, Elisabeth…, gústame.
Eu sorrín e volvín mirar para a pizarra, aínda que non deixaba de pensar no rapaz tan guapo que tiña ao meu lado.
Ao pouco, alguén chamaba outra vez. Desta, só vin unha nota no chan na que puña o mesmo de sempre: “Sorrir”. Collina, observeina e dinme conta de que estaba ateigada de pequenas letras por toda a folla, pero non se podía ler claramente o que puñan, entón decidín deixala onde a atopara.
Saín da clase camiño da miña casa, alguén chamaba outra vez. Dann viña correndo cara a min cunha nota na man.
-Oe, caeuche isto da mochila –díxome termando da nota.
-Moitas grazas, pero non é miña.
-Acábache de caer agora mesmo, toma.
Collina por non relear, porque non me apetecía estar alí máis tempo.
Así foi durante un par de semanas. De vagar, ía coñecendo máis a Dann, e as notas seguían aparecendo...
Cando xuntei forza abonda, fun onda a profesora para que mo explicara todo. Amoseille a nota e ela díxome que necesitaba tempo para descifrar o que puña.
Unhas semanas máis tarde, chamoume, pois xa lle atopara unha explicación.
-Nótase, Elisabeth, que de certo hai alguén que te quere.
-Por que o dis?
-Porque a nota di: “Quérote, e por moito que a xente che faga dano, eu sempre estarei aí, e sei que ti non sabes quen son, pero eu asegúroche que o acabarás sabendo, e non deixarei que ninguén che volva facer dano, e por favor: sorrí.
Non sabía quen era. Descubrino a medida que pasou o tempo. Sabía que o de Dann non fora só unha coincidencia, e el foi quen mo contou.
Contoume que era coma min, e que había moitas persoas coma nós, e que unha desas persoas me fixera esquecer a razón pola que me enviaran aquí. Ao final, a miña vida non era como eu a imaxinaba, pero tiña unha persoa que me quería moito e atopara uns amigos que me apoiaban en todo.
O que me gusta de Dann, amais de que me transporta ao mundo dos soños, é que me fai sorrir.