O comezo dunha melodía..., notas danzando arredor do seu corpo; pequenos trasnos que tentaban fuxir das súas mans. Acariñaba as teclas do piano coa paixón do primeiro amor e coa exactitude propia dun mestre. Sentía a música ardendo polas súas veas, a euforia de poder formar parte dunha peza musical latexaba nas xemas dos seus dedos.
De vagar..., saboreando cada un dos movementos, evadíndose de todo; vivindo por uns intres únicamente para isto, para transmitir aquela canción sen dono que se esparexía pola estancia, aquela canción que comezaba a hipnotizala, arrincando con cada pulso a alma do seu corpo para plasmala sobre os compases.
A súa ardencia aumentou, o ritmo foise enfebrecendo, raiando na loucura; a atmósfera tornouse frenética. Non quedaba dos movementos pausados do comezo máis ca un lene recordo.
E seguía tocando, os seus finos dedos movéndose polo instrumento, até que deixaron de distinguirse, até que o piano tomou o control do seu corpo, absorbendo a súa vontade para continuar coa música, doce pantasma que lle ía arrebatando a vida. Aínda así non se resistiu; atopábase plenamente sometida. Continuou tocando un tempo indeterminado, horas, quizais toda a noite e tan só uns minutos, até que as últimas enerxías do seu corpo se evaporaron e a súa cabeza se despromou sobre as teclas, poñendo tráxica fin á sonata.